Saturday 21 de September de 2024

A EGAP programa un plan de formación con 439 actividades e máis de 20.000 prazas para 2015


Os contidos formativos experimentan unha gran renovación e diversificación, manteñen un enfoque eminentemente práctico e dan resposta a temáticas de importancia e actualidade para a Administración, contribuíndo a favorecer a transparencia na xestión e a ética pública

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, presentou esta mañá o plan de actividades deste organismo para o ano 2015 durante o Consello Reitor, onde explicou que prevé a convocatoria de 439 edicións formativas e 20.355 prazas para o ano 2015, o que resulta un 9,75 por cento máis de edicións e un 10,27 por cento máis de prazas ca no ano anterior.

O Plan de formación previsto para 2015 inclúe a formación destinada ao persoal das administracións autonómica, local e de xustiza e, por vez primeira, tamén a dirixida ao persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas. Con esta actuación a Escola aglutina nun único instrumento a formación destinada aos distintos colectivos de empregados públicos da Comunidade Autónoma para a adquisición de novas competencias, a profesionalización e a actualización continua.

O deseño deste plan parte dunha exhaustiva revisión dos resultados da avaliación das actividades do 2014 e da vixilancia permanente das actualizacións normativas e procedementais, o cal se traduciu nun incremento da formación naquelas materias que están a ser obxecto de desenvolvemento lexislativo. Como resultado os contidos experimentan unha gran renovación e diversificación, manteñen un enfoque eminentemente práctico e dan resposta a temáticas de importancia e actualidade para a Administración, contribuíndo a favorecer a transparencia na xestión e a ética pública.

Formación diferenciada para cada Administración
Ao igual que en anos anteriores, o persoal das diferentes administracións galegas recibirá unha formación diferenciada e adaptada ás súas necesidades. Así, o persoal da Administración autonómica poderá optar a un programa composto por 345 edicións e 15.810 prazas no que se reflicte unha importante renovación das materias, cunha porcentaxe de títulos novidosos do 47% nas materias transversais e do 77% nas materias relativas a competencias específicas.

Canto ao persoal de xustiza, o Plan de formación contempla a convocatoria de 34 edicións e 1.660 prazas, mentres que para o persoal das entidades locais galegas poranse en marcha 33 actividades con 1.190 prazas. Ademais, para este último colectivo, a EGAP tamén convocará, por segunda vez, subvencións para financiar os plans de formación das entidades locais de Galicia, cunha contía que ascende aos 411.705 euros.

Finalmente, a EGAP prevé convocar para o persoal de administración e servizos das universidades galegas 27 edicións formativas e 1.695 prazas.

Cursos superiores, monográficos e xornadas
Ademais, Sonia Rodríguez-Campos tamén deu conta durante o Consello Reitor das actividades de divulgación previstas para 2015, as cales están dirixidas non só aos empregados públicos senón tamén á sociedade en xeral. Isto amosa a vontade da Escola de achegar a formación sobre aqueles aspectos de actualidade incidentes nas Administracións e na realidade política, social e económica.

Así, durante este ano convocaranse cursos superiores sobre organización de eventos deportivos, resolución de conflitos a través da mediación, liquidación de tributos, contratación pública e Dereito de patentes; e xornadas relativas ao Estatuto Básico do Empregado Público, a harmonización fiscal dentro da Unión Europea e a promoción da libre competencia e da defensa dos consumidores.

Resumo 2014
Ademais, o Consello Reitor incluíu un resumo das actividades levadas a cabo pola Escola no ano 2014, que convocou un total de 548 actividades que supuxeron 25.343 prazas. Ademais, durante 2014, a EGAP conseguiu, a través das xornadas e dos cursos monográficos, configurarse como un foro de debate en temas de actualidade naqueles aspectos que afectan á Administración pública, acadándose así un dos obxectivos propostos pola Dirección do organismo durante este mandato. Neste ámbito, cómpre resaltar o crecente número de inscricións acadadas e as boas valoracións rexistradas nas enquisas de satisfacción por parte dos asistentes.